XII SON D´ALDEA: " A DESPEDIDA "

 XII SON D´ALDEA : " A DESPEDIDA"










Presentouse esta mañá no Parladoiro de Arqueixal, na aldea de Santiago de Albá (Palas de Rei) a XII edición de SON D’ALDEA.
 Asistiron á presentación o Alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada Camoira; os integrantes da Asociación Son d’aldea Julio Vázquez Toural, Azucena Pérez Souto, Luis Novo Ouro, Luis Carrera Valín e Afonso García Penas.










 Un ano máis, e imos xa pola duodécima edición, celebrarase a festa maior do rural ulloán e galego, SON D´ALDEA, o 1 e 2 de setembro, nas parroquias de Curbián e Albá, no concello de Palas de Rei. Evento que ten como un dos obxectivos principais poñer en valor e recoñecer, dignificar e recuperar os alicerces da nosa vida aldeá. Organización que leva a cabo a ASOCIACIÓN SON D´ALDEA, coa colaboración de Asociación cultural e de veciños de Santiago de Albá, O PARZAMIQUE; Asociación cultural e de veciños de Santo Xusto, ENTREPORTAS, Asociación cultural BUXAINA, ARQUEIXAL, DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO (Área de Cultura, Patrimonio Histórico – Artístico e Normalización Lingüística e Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo), VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO - ÁREA DE CULTURA, CONCELLO DE PALAS DE REI, CAIXA RURAL GALEGA, XOTRAMU, Metátese Teatro, Alentía Teatro. 

Na xornada do venres día 1, pola tarde, en Albá, no Parladoiro de Arqueixal, afondamos no estudo do estado actual e como enfrontar a problemática do abandono e desleixo, como valorizar o noso patrimonio rural. Nesta xornada de intercambio de ideas e debate, que comezará ás 16:30 coa recepción de participantes, organizada e coordinada por Santiago Prado Conde, falarán Miguel Pardellas e Andrea López, da Cooperativa Feitoría Verde, co relatorio “Do desequilibrio aos soños compartidos”; e Araceli Macías e Tania Sánchez, da Cooperativa Outonía, co relatorio “Cidadanía mutante para un mundo rural”. De seguido presentarase o libro SON D´ALDEA 2022 – SON DA CARBALLEIRA, e o libro de Andrea García Martínez ANIMAIS FANTÁSTICOS DE ALDEA. Ás 20:00 o actor e contacontos Avelino González actuará entreténdonos con CONTOS DA ALDEA. E xa ás 21:30 a cea con produtos da contorna.

 O día 2, sábado, é a xornada da recreación do mundo da aldea cun roteiro teatral, este percorrerá polas carballeiras de Curbián e a carón do río Roxán a partir das 10:00. Para, de seguido, xantar en Albá á sombra da carballeira de sempre e dar paso na sobremesa ao xogo tradicional e á animación musical de participantes e espontáneos e á festa. Rematando a romaría coa actuación en concerto de A BANDA DA BALBINA. Desta volta no roteiro, baixo o título de A DESPEDIDA, mergullamos nas pequenas e grandes despedidas que axexan aos veciños e veciñas da aldea día tras día. Percibimos a celebración e a morte, despedimos a infancia e unha criada nena; lembramos a marcha á emigración; choramos unha cadela e unha vaca; a muller despide os queridos e o caseiro un lugar sen saber a onde ir; sentimos o baleiro de quen morre e as meigas que axexan. As cantigas harmonizan a cerimonia do adeus. Os nenos xogan a matar con escopetas de pau. Despedimos ao son vida.
 Máis de cen actores e actrices de todas as idades, dirixidos por Afonso García Penas, conflúen nun intercambio de forza e coñecemento xenuíno, con ilusión toman o papel e representan o mellor que levan dentro; ata tres ou catro xeracións interactuando entre si coa natureza, a aldea e o espectador, talvez o único estraño, como testemuños. Nun entorno senlleiro, Albá, Santo Xusto e Curbián, esperta este milagre posible de esperanza e vida para a nosa raiceira exánime. En SON D´ALDEA non só se xuntan e relacionan persoas de todas as xeracións, senón tamén persoas chegadas de distintos lugares de Galiza: Santiago, A Estrada, Palas de Rei, Melide, Arzúa, Borneiro, Chantada, A Coruña, Albá, Santo Xusto... nunha convivencia e transmisión de saberes e experiencias extraordinarias.
 Un evento singular que une á xente e apega á terra, que busca converternos en dignos herdeiros de quen propiciou sermos o que somos, que busca podermos mirar aos ollos agradecidos a quen nos criou e aplaudirlles.


BRINCAS , CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL !!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario