X FESTIVAL DE TEATRO DE PALAS DE REI






X FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI, O SÁBADO 1 DE ABRIL
Presentouse esta mañá, ás 12:00 horas, no Salón de plenos do Concello de Palas de Rei o X FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI que se celebrará o sábado 01 de abril no Salón de actos da Casa de Cultura de Palas de Rei e na aldea de Vilar de Donas. Este evento está organizado polo Concello de Palas de Rei, o Obradoiro Municipal de Teatro, Alentía Teatro, a Asociación Cultural e de Veciños A Capela de Vilar de Donas, a Asociación Cultural O Palacio do Rei, a Asociación Cultural A Fonte de Merlán e Metátese Teatro. Na presentación, participaron o Alcalde desta vila, Pablo Taboada Camoira e o director de Metátese Teatro e do Obradoiro Municipal de Teatro, Afonso García Penas.
Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de catro Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Laxe, Touro e A Estrada) con idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos. O programa deste Festival é o seguinte:
► 16:30 -Aula de Teatro do IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ, “Avelaíñas Teatro”
-Escola Municipal de Laxe,
PRESENTAN: “MANANCIAL DE HISTORIAS”
► 18:30 Roteiro teatral, poético e musical na aldea de Vilar de Donas.
(Saída dende o Campo da festa.)
► 20:00 -Aula de Teatro do CPI de Touro e
-Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.
PRESENTAN: “NOTAS DE COR”
Haberá dúas funcións teatrais: unha ás 16:30 horas e outra ás 20:30 horas e un roteiro teatral, musical e poético pola aldea de Vilar de Donas no que participarán varias asociacións (Asociación Cultural e de Veciños A Capela, Asociación Cultural e Musical O Palacio do Rei, Asociación Cultural A Fonte de Merlán, Alentía Teatro e Metátese Teatro); os grupos de teatro das catro localidades e diferentes veciños e veciñas da aldea. Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes subxéneros teatrais e literarios á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural, a convivencia, intercambio de experiencias e traballo conxunto entre os membros de diferentes asociacións, a valorización e o respecto do tecido cultural creado polo pobo, o achegamento ás diferentes disciplinas literarias desde unha perspectiva lúdica, activa e interdisciplinar.
Este Festival, permite que o alumnado das catro aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2016/17 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral . Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 14 de febreiro deste ano en Ourense, no Teatro Principal e que continuarán despois en Touro, A Estrada, Laxe, Burgos, Zaragoza e Barcelona.
Os espectáculos que se presentan van destinados ao público xeral:
MANANCIAL DE HISTORIAS é un espectáculo conformado por varias historias plenas de fantasía, creatividade, sorpresas, personaxes de contos, series de debuxos animados, humor…
A través dunha viaxe polo universo literario dos contos, os protagonistas desta historia atoparanse con dragóns, meigas, faraóns, trolls e outros moitos seres fantásticos creados por alumnado de 3 a dezaoito anos a través de exercicios de improvisación.
Nesta obra deféndese tamén o xogo como medio útil de enfrontar realidades adversas; como método de aprendizaxe e como carreiro para medrar rodeado dun universo de harmonía, ledicia e benestar.
Unha peza que traballa valores como a SOLIDARIEDADE, O COMPAÑEIRISMO, O RESPECTO POLO MEDIOAMBIENTE, A CULTURA DA PAZ, etc. Todo isto será realizado sempre baixo un prisma cómico e reflexivo.
NOTAS DE COR é un canto cromático ao compañeirismo, ao respecto ao diferente e á solidariedade. Unha obra rebordante de colorido protagonizada por adolescentes que principian un camiño iniciático na procura de novos horizontes no seu proceso de crecemento como seres humanos.
Tras partir dunha situación de insatisfación, insírense nunha travesía de inspiración acumulativa e circular na que abordarán diferentes eixos temáticos: a pobreza, a solidariedade, o cambio climático, a inmigración, o complexo despertar no universo do amor na adolescencia, a violencia, o consumismo, o futuro das novas xeracións…
Trátase dun divertido xogo onde a imaxinación xoga un papel chave, un alegato emotivo das inquedanzas do mundo adolescente que reterá a ollada curiosa durante o espectáculo e unha reivindicación do teatro como luz, movemento, son, música, ritmo, emoción, poesía…

BRINCAS , CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL !!!