Momentos Metátese Teatro.

Metátese Teatro "O país da auga" 2011


20 Anos de Metátese

 

    XX ANOS CREANDO TECIDO CULTURAL EN GALEGO
                        CEA DE ANIVERSARIO
SÁBADO, 22 DE DECEMBRO DE 2012 ÁS 21.30 h
 
 1992/2012


METÁTESE TEATRO, no principio “AXÓUXERE TEATRO” comezou os seus ensaios o 21 de decembro de 1992, e tivo a súa estrea teatral un 6 de agosto de 1993 en Vilar das Donas. Ao longo dos seus vinte anos de vida escenificou obras de Ricardo Carvalho Calero, Ánxel Fole, Francisco Xosé Silvosa, Castelao, Miguel Torga, Rafael Dieste, Edwuard Bond, Manolo Rivas, David Mamet, Roger Justafré e outras de creación propia. Actuou en localidades das catro provincias galegas, noutras comunidades como a de Madrid, Valencia, Euskadi, Canarias, Estremadura, Catela A Mancha, País Vasco ou Andalucía, e en cidades estranxeiras como en Miranda do Douro e Porto (Portugal), Nantes e Touluse (Francia); Bologna e Torre Annunziata (Italia); na Habana (Cuba); Tokio (Xapón); Jerash (Xordania); El Cairo (Exipto); Moscova e San Petersburgo (Rusia); Bos Aires (Arxentina); Saraguro (Ecuador); Cuzco (Perú)…
 
As obras presentadas ao longo destes anos de vida son as seguintes: 
-A farsa das zocas, de Ricardo Carvalho Calero.
-O documento,de Ánxel Fole (adaptación realizada por Francisco Xosé Silvosa).
-Un ollo de vidro, de Castelao (adaptación propia).
-Lóstregos, (adaptación propia de varios textos de Miguel Torga, Rafael Dieste, 
Edwuard Bond e Manolo Rivas).
-Edmundo, de David Mamet.
-Fillos da néboa, de Roger Justafré (Adaptación propia)
-Intransixencia,(Creación propia).
-O tartagueiro, (Creación propia).
-Vesania, (Creación propia).
-Silencio, (Creación propia).
-No mundo megaguai, (Creación propia).
-Intres, (Creación propia).
-Habitación onírica, (Creación propia).
-Peirao 2434, (Creación propia).
-Utopía 94, (Creación propia);
-Soño de verán, (Creación propia) –
-Nós(Creación Propia), 
-Oakland,(Creación Propia, dirixida por Ricardo Solveira),
-Estrela 33, (Creación Propia). 
-Fábrica de Soños, (Creación Propia).
-Viaxe ao País da Fantasía, (Creación Propia).
-O País da auga, (Creación Propia).


-Coma un anano, (Creación propia)
-Fábulas,(Creación propia.); 
-Bolboretas,(Creación propia).

Metátese Teatro coorganiza a MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO AMADOR DE PALAS DE REI- TEATRO NO CAMIÑO DE SANTIAGO, na que xa se chegou á XIII edición e pola que teñen pasado compañías teatrais galegas, andaluzas, catalás, canarias, valencianas, madrileñas, castelá-leonesas, portuguesas, mexicanas, cubanas e rusas. Coincidindo coa Mostra entréganse os premios “Mácara” e Careón”.

O sábado, 22 de decembro de 2012, xuntámonos un bo número de persoas que formaron e forman a gran familia que é Metátese Teatro; non estamos todos, pero este só é un primeiro paso para celebrar os primeiros vinte anos da nosa andaina. Queremos pedir a colaboración de todos eles para organizar os actos que se realizarán en agosto de 2013 coincidindo co aniversario da nosa estrea teatral.
 
A nosa intención é xuntar a todos/-as os/as que pasaron por Metátese, actores/actrices ou colaborando dalgunha outra forma. Seguramente neste primeiro encontro nos esquecemos dalgún/-ha deles/-as ou non puidemos contactar con eles/elas; axudádenos a atopalos/-as. Tamén realizaremos unha xornada de actividades nas que desexamos que participen todos eles (os/as que queiran e/ou poidan).

 Podedes atoparnos en:
 
Correo: metateseteatro@ole.com
Tlf.: 655345123 Afonso
Tlf.: 670523688 Xosé Manuel
 
Podedes seguir as andainas de Metátese e informarvos de máis actividades en:
http://teatrometatese.blogspot.com.es/  

Metátese Teatro - "O país da auga" en Portugal


"O país da auga" é a peza que Metátese presenta esta fin de semana no municipio portugués de Idanha-a_Nova.

Pois alá que nos imos ¿Quen se apunta? Venres 19 as 19:00 horas



Tiruleque - "Culb PK2"



 
Desculpade a tardanza en subir os post das últimas actuacións, problemas técnicos. 
O grupo de teatro Tiruleque é  unha comedia de crimes e sexo que agocha unha crítica á hipocrisía da sociedade perante a prostitución e a homosexualidade. Segundo di a personaxe Tumbaíta: "....esta sociedade, que che perdoa un desfalco de millóns, pero non que sexas gay"....non se pode ser máis explícito.

Aquí tedes fotos.


Teatro Solidario As Insuas - "Am@te"



Teatro social que nos chega de Muros.

Un texto claro, directo e sen ambaxes: Non ser cómplices do maltrato. Non pechar os ollos xustificándonos con ese manido argumento: "non é asunto noso o que pasa na casa do veciñ@"
O maltrato non está só nas noticias que nos chegan a diario nos informativos en forma de negros sucesos sen remedio; o maltrato está na rúa, as máis das veces solapado polo costume; está na linguaxe cotiá que volve natural palabras que xeran discriminación e prexuízos, está nos silencios despectivos, nas miradas críticas que deterioran o amor propio lentamente, na desigualdade de salarios. no abuso de poder.....
Parabéns os educadores que promoven a toma de conciencia dun tema tan antigo como actual e utilizan o teatro como arma.


Metátese Teatro - "Bolboretas"



E chegou a clausura da mostra.
Nesta derradeira xornada Metátese Teatro presentou o esqueleto do que será o seu próximo espectáculo: "Bolboretas". Só queda engadir que esperamos ter deixado un bo sabor de boca e moitas ganas de volver a vernos en decembro con motivo do XX aniversario do grupo.

Darvos as grazas a todos por a boa acollida e lembrarvos que os domingos que restan para o remate de este mes seguimos tendo teatro as 19:00 h. na casa de cultura.

Ata pronto!

Premios "Mácara" e "Careón"

Un ano máis fixéronse entrega dos premios "Mácara" e "Careón" durante a celebración de Son D´aldea. A actriz Mela Casal recibiu o "Mácara" de mans de D. Pablo Taboada Camoira, alcalde de Palas de Rei e o premio "Careón", adicado este ano a escritora Ana Romaní ,foi entregado por Xosé M. Paredes. Entre os asistentes, encontrábanse tamén  o presidente da asociación de veciños "O Parzamique", Luis Carreira Valín xerente de Arqueixal, Fernando García, Afonso García e o tenente alcade Amando Sande.

Curso "Interseccións no tempo ou a memoria do corpo"



Aquí tedes a reportaxe gráfica do último día do curso impartido por Elisenda Renom. As imaxes falan por si soas.

Elas Teatro - "Entrenós"





Recta final da mostra de teatro. 
O xoves tivemos a oportunidade de asistir á unha interesante e arriscada proposta do grupo Elas Teatro. Arriscada por tratarse do proxecto de fin de carreira baseado en improvisacións, en explorar o mundo emocional das propias actrices e a mestura de textos propios e alleos 

O coloquio permitiu os asistentes dar renda solta a múltiples preguntas e curiosidades acerca dunha peza teatral  contemporánea, minimalista e de espírito simbólico.






XIII MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO


XIII MOSTRA INTERNACIONAL DE TEATRO AMADOR DE PALAS DE REI NO CAMIÑO DE SANTIAGO




O programa desta edición queda como segue: 

Folerpas Teatro - "Paraíso laranxa"


Toparse cun merlo branco nun paraíso laranxa non tería porque sorprendernos. A nosa diferenza, ser distinto dos outros tampouco tería que ser un obstáculo para unha boa convivencia no cotiá.  "Paraíso Laranxa" é unha adaptación da obra de Cándido Pazó:  "Merlo branco" que pon en escena o grupo de Laxe Folerpas Teatro dirixido por Afonso García Penas, unha peza lúdica e colorista, o gozo dos actores no xogo como instrumento para transmitir a mensaxe de tolerancia polo diferente. 

En cor son tamén as fotos de Xosé M. Paredes

Gargallada Teatro - "Quimera"

Escribiu José Hierro "...sin palabras, amigo, tendría  que ser sin palabras como tú me entendieses." E sen palabras é o último proxecto de Gabriel Prada baixo a dirección de Paco González. A frescura do xesto,  a emoción a flor de pel;  a mirada do clown máis clásico para facerse entender na súa eterna busca da felicidade, a fantasía como único sostén cando aquela non chega creando o mundo máis parecido o que soñamos, onde unha escada pode mudar nunha perfecta parella de baile


Sen palabras....:"Quimera"





Ajidanha - "EfabulaÇao"




A existencia é subxectiva, cambiante, condicionada pola interpretación que lle dan os demais , polos medios de comunicación, polo cine, a tv, a literatura, a publicidade.....pola nosa propia experiencia vital que a súa vez enrédase ca dos outros. Esta noite somerxémonos na peculiar mirada de Nuno Leao, integrante do grupo portugués Ajidanha (AssociaÇao de Juventude de Idanha-a-Nov), unha suxerinte "efabulaÇao", a mínima distancia entre ficción e realidade; unha peculiar reflexión a través da palabra e a imaxe, pasado e presente.


Aquí tedes  unha "interpretaÇao" fotográfica da obra a cargo de Xosé M. Paredes.




Charamela - "Almas sinxelas"

O grupo Charamela xa ten un longo percorrido teatral. Dende o seu comezo no 2004 presentaron en diversos pobos de Galiza obras como "María Rosa", "Todo ten goberno" ,"Se o sei...non volvo a casa" , entre outras de temática do Nadal. Hai que destacar a creación do "1º Encontro interxeracional Terra de Melide" que se ven a celebrar dende o 2010 grazas a asociación que leva o mesmo nome.
A noite do xoves achegáronse ata Palas de Rei para mostrarnos un dos primeiros traballos que levaron a escena: "Almas sinxelas", un sainete do escritor ourensá Prado Lameiro, autor de outras dúas pezas que Charamela representou en ocasións diferentes.

Aquí tedes unhas fotos para que aqueles que non puidestes vir, vexades o que non vos tedes que perder cando chegue outra oportunidade de velos

Ulloín - "Que fastidio de día"


 

Ledicia de tarde a que nos fixo pasar o pallaso da Ulloa- "Ulloín", ca presentación da obra "Que fastidio de día".


Begoña Mouriño, máis coñecida polo seu traballo como corresponsal do diario "El progreso" na comarca da Ulloa, é unha polifacética artista de Antas de Ulla que a tarde do domingo sorprendeu a nenos e adultos ca creación da entrañábel personaxe de Ulloín, conseguindo captar a total atención do público máis cativo que quedou para asistir o coloquio, interesado en coñecer a artista.






Garnacha - "La muralla"


Garnacha: Dise da variedade de uva que tira a morada. Tamén chamábase Garnacha a compañía de cómicos que ía polos pobos, e que estaba formada por 5 ou 6 homes, unha muller que facía de primeira dama e un rapaz que facía de segunda. E de aquí toma o nome o grupo teatral procedente de Mérida que nos visitou a noite do sábado ca adaptación dun texto de Ignacio del Moral  "La gran muralla" (I premio de teatro infantil sobre medio ambiente. Badajoz 1982). A historia dun reino imaxinario onde a "natureza rebélase" contra a construción dunha muralla que destruirá os recursos naturais do pequeno imperio. Unha clara mensaxe sobre a necesidade de protexer o noso ámbito natural. 
Coidada posta en escena, momentos musicais, atrezzo colorista e actores entregados "puxeron a guinda" o primeiro sábado da mostra.

E para mostra...........fotos


O Batán - "A forza dos soños"

 


Recen saídas da cámara de Xosé Manuel Paredes, o noso reporteiro gráfico oficial, chégannos as  imaxes máis "frescas" do acontecido esta noite na casa de cultura de Palas de Rei: a función do grupo O BATÁN de Cangas de Foz. Comedia de enredos matrimoniais que fixo as delicias dun variado e entregado público que agradeceu cos seus aplausos pasar un bo rato de risas, que de seguro foi o soño cumprido dos integrantes do grupo. 

Velaquí tedes unha pequena mostra.

PRIMEIRO DÍA DA MOSTRA

Éxito de público no primeiro día da Mostra, ca presentación de "Fantasías" un obradoiro teatral da escola municipal de Palas de Rei onde puidemos gozar co traballo creativo de cativos e adolescentes que asisten a escola que dirixe Afonso García.

Aquí unhas fotos cortesía de Xosé M. Paredes.