TEATRO SOLIDARIO A PROL DA FUNDACIÓN MENIÑOS: " FANTAMIMO"





TEATRO SOLIDARIO A PROL DA FUNDACIÓN MENIÑOS: " FANTAMIMO"


Un ano máis, Ourense acolle a representación teatral solidaria coa Fundación Meniños que coordina Metátese Teatro, coa colaboración do Teatro Principal e a Fundación CEO.

 Fantamimo é unha creación colectiva composta por varias historias independentes que acontecen nun ascensor, e que pretende provocar no espectador a reflexión sobre cuestións como o reparto das tarefas do fogar, as consecuencias negativas da agresividade e do medo, a realidade esquecida das persoas de máis idade, a importancia da lectura na formación plena do ser humano e a discriminación por motivos de raza, xénero ou crenzas.
 Un espectáculo coral para sensibilizar sobre a imperiosa necesidade de integrar e apoiar todas as realidades sociais, especialmente as máis desfavorecidas, representado por alumnos, alumnas e docentes da Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez (Avelaíñas Teatro), a Escola Municipal de Teatro de Laxe e máis o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.

 A representación terá lugar o vindeiro venres 17 de febreiro no Teatro Principal de Ourense en dúas funcións: a sesión das 12:00, destinada a escolares, e a segunda representación ás 20:30 para o público xeral. Esta creación colectiva contou coa produción de Avelaíñas Teatro, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez, Metátese Teatro e o Club de lectura “Retelladores do Galiñeiro”. O prezo das entradas é de 2 euros.

 Os cartos recadados destinaranse á Fundación Meniños, que desenvolve programas de protección, atención familiar e sensibilización.

 A Fundación Meniños Meniños é una organización independente que leva 20 anos promovendo os dereitos da infancia e da adolescencia en situación de dificultade social, favorecendo cambios na súa contorna que lles aseguren un ambiente familiar de seguridade e afecto.

 Meniños desenvolve programas especializados de intervención familiar con nenos, nenas e adolescentes en situación de risco e/ou desprotección, e coas súas familias en Galicia, Asturias e Madrid, en colaboración coas administracións públicas, outras entidades e organizacións. Tamén desenvolve programas preventivos e educativos por conta propia e imparte formacións especializadas.

BRINCAS, CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario