XI FESTIVAL GALEGO
DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI
Presentouse esta mañá ás 13:30 horas no Salón de plenos do Concello de
Palas de Rei o XI FESTIVAL
GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI que se celebrará o sábado 14 de
abril no Salón de actos da Casa de Cultura de Palas de Rei e na aldea de Merlán.
Este evento está organizado polo Obradoiro Municipal de Teatro, a Asociación
Cultural A Fonte de Merlán, o Grupo de música e baile tradicional Palacio do
Rei, Alentía Teatro e Metátese Teatro. Na presentación participaron o Alcalde
desta vila, Pablo Taboada Camoira, e a presidenta de Alentía Teatro, Gema Buján
Mosteiro.
Participarán
nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de
Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Laxe, Compostela, Palas de
Rei, Touro e A Estrada) con idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos.
O programa deste
Festival é o seguinte:
Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:30
horas na aldea de Merlán ao longo
dun tramo do Camiño Primitivo de Santiago que estará protagonizado por veciños
e veciñas de Merlán, polo alumnado do
Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e polas Asoacións A Fonte de
Merlán e Palacio do Rei.
Este
roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes
xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes
idades e localidades, o achegamento do alumnado ao mundo rural e á cultura
tradicional e a posta en valor do Camiño Primitivo a Compostela, pois a maior
parte do roteiro transcorre ao longo dun tramo deste camiño.
Ás 20:00 horas, na Casa de Cultura de Palas de Rei, a Escola Municipal de Teatro de Laxe, O
Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do CPI de
Touro, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, “Avelaíñas
Teatro” e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o
espectáculo Un planeta literario
máxico.
Trátase dun espectáculo
de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como
ferramenta imprescindible na realización
plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a
humildade, o respecto… Este traballo de máis cen actores e actrices amosa,
tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas
equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; pon de manifesto a relevancia
da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser
humano; reivindica o valor do desenvolvemento de proxectos educativo
colectivos…
Un planeta
literario máxico supón, ademais, un viaxe ao universo da imaxinación, da
diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da
creatividade que ilumina un camiño de marabillas que nos permite poñer ás e
voar. Actrices e actores sobre un escenario onde habita unha utopía que,
paseniñamente, se transforma en realidade, grazas ao traballo cooperativo de
todo o grupo e que alimenta as raíces e os anceios de compartir a certeza de
que a liberdade só é posible cando nos atrevemos a soñar un mundo máis xusto e
libre. Máis feliz. Máis humano. Trátase, pois, dun espectáculo que pretende
alentar o desfrute dos sentidos convertíndoos en ferramenta subversiva que
contribúa a cambiar o mundo. Voa, se queres. Constrúe o teu paraíso. Nós
imaxinamos o noso. Un mundo que baila, que soña, que vibra… todo PARA TI!
Arriba o pano!
Este Festival permite que o alumnado
das cinco aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado
durante o Curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2017/18
nas cinco localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes
capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun
obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral . Insírese dentro dunha
xira de funcións que comezou o día 4 de marzo no Teatro Principal de
Compostela, continuou o día 15 de marzo deste ano en Ourense no Teatro
Principal; o 19 de marzo no CPI Cabo da Area, de Laxe (Dentro da semana
cultural deste centro) e que seguirá o 29 de abril na Estrada e en maio en Navarra, Francia, Laxe...
BRINCAS, CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario