VII PREMIO " GARABATO ", Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO EN HOMENAXE A GABRIEL BARREIRO TOURAL : ASOCIACIÓN PALACIO DO REI
VII PREMIO “GARABATO” Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO EN
HOMENAXE A GABRIEL BARREIRO TOURAL
As Asociacións Culturais ALENTÍA e METÁTESE TEATRO e A ORDE DAS DONAS E
CABALEIROS DO PRIORATO DE VILAR DAS DONAS “OS LOBOS” estableceron este premio
GARABATO á conservación do noso patrimonio, herdado da Terra e dos nosos devanceiros e
determinaron concedelo a aquelas persoas e organizacións ou asociacións que estimen
teñen luz para manter e coidar, para mimar, gardar e defender o devandito patrimonio,
tanto natural como cultural, na honra e lembranza de Gabriel Barreiro Toural, el foi técnico
de luz e son de Metátese Teatro; e dotalo con 1000 euros.
Foi decisión do xurado conceder este VII PREMIO “GARABATO” Á CONSERVACIÓN
DO PATRIMONIO EN HOMENAXE A GABRIEL BARREIRO TOURAL, á ASOCIACIÓN CULTURAL
PALACIO DO REI.
Entre os argumentos empregados polo XURADO destacan:
1.- O traballo decidido a prol da adquisición, conservación, coidado e consolidación da
cultura tradicional galega.
2.- A organización e participación en Festivais que posibilitan a visibilización de tecido
cultural en galego.
3.- Favorecer e crear espazos pedagóxicos que propician:
A defensa da lingua galega.
O coñecemento etnográfico do mundo rural.
A defensa decidida da cultura en galego e do ámbito rural.
4.- A posibilidade de acceso festivo á cultura tradicional galega para nenos e nenas e
mocidade; facilitando, así mesmo, a comunicación entre xeracións.
Galiza posúe un patrimonio cultural que, como en calquera outro lugar, é froito da
experiencia vital dos nosos devanceiros e da súa interacción coa natureza, o espazo natural
no que se criaron. Este patrimonio cultural tamén nos criou a nós, nel enraizamos e de nós
terma cando o vento frío ou a fogaxe petan de fronte e dificultan a respiración. Nesta
sociedade tan inmediata e onde pretenden darnos todo feito sen criterio persoal, onde
intereses individuais e capitalistas se apegan coma unha lapa, precísanse asociacións como
PALACIO DO REI que lembren a raíz humana na terra, o carácter social, a harmonía coa
natureza, o que somos e a fondura dos pasos que imos dando, a pegada que ao camiñar
apegados a nosos pais e nais abre camiño.
O traballo que leva a cabo PALACIO DO REI é un exemplo de respecto e amor pola
nosa cultura, onde persoas de distintas xeracións comparten a nosa esencia de vida, a nosa
lingua, a música, o baile... Non hai mellor xeito de transmisión e de asegurar un futuro vivo
das nosas raíces. Se esas raíces as deixamos secar seremos outra cousa, pero nunca seremos
nós mesmos. Palas de Rei, A Ulloa, Galiza... precisan, e moito, de asociacións coma esta, na
que con orgullo vemos a alma do noso patrimonio cultural.
Grazas polo voso labor. Grazas por nos honrardes coa vosa presenza, nesta terra viva
e aberta, no noso niño de música, cantiga e baile, de lingua e fala que nos identifica, alenta
e comunica. Esa lingua que coma zume mana da terra e sobe corpo arriba e éncheo do
espazo propio no que as nenas e nenos veñen á vida, medran e se crían. Elas e eles son a
semente na que agroma o que nos agarda, de seguirmos sendo nós, con respecto e amor ánosa cultura, a
Galiza. Grazas polo voso labor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario