VI PREMIO GARABATO: SEMENTE LUGO, ESCOLA DE ENSINO GALEGO

 VI PREMIO GARABATO : SEMENTE LUGO





VI PREMIO “GARABATO” EN HOMENAXE A GABRIEL BARREIRO TOURAL

As Asociacións Culturais ALENTÍA e METÁTESE TEATRO e A ORDE DAS DONAS E
CABALEIROS DO PRIORATO DE VILAR DAS DONAS “OS LOBOS” estableceron este premio
GARABATO á conservación do noso patrimonio, herdado da Terra e dos nosos devanceiros e
determinaron concedelo a aquelas persoas e organizacións ou asociacións que estimen
teñen luz para manter e coidar, para mimar, gardar e defender o devandito patrimonio,
tanto natural como cultural, na honra e lembranza de Gabriel Barreiro Toural, el foi técnico
de luz e son de Metátese Teatro; e dotalo con 1000 euros.
Foi decisión do xurado conceder este VI PREMIO “GARABATO” EN HOMENAXE A GABRIEL
BARREIRO TOURAL, a SEMENTE LUGO – Escola de Ensino Galego.
Entre os argumentos empregados polo xurado destacan:
1.- O traballo decidido a prol da adquisición, conservación, coidado e consolidación da
lingua galega no alumnado.
2.- Favorecer e crear espazos pedagóxicos que propician:
 A educación integral do alumnado.
 A coeducación.
 A interacción coa natureza.
 Integración do contexto no lugar.
Cómpre dicir que o proxecto da Semente Lugo forma parte da rede das Escolas de Ensino
Galego Semente, unha iniciativa social sen ánimo de lucro, da cal tamén forman parte as
Sementes de Compostela, Vigo, Trasancos e Coruña.
Segundo na súa páxina web reza, “Entendemos o idioma galego como parte indisolúbel da
nosa cultura, da nosa historia e do noso futuro, e defendemos o seu carácter internacional;
criando un espazo de interculturalidade fomentarase a importancia do respecto a outras
culturas que viven no noso país.
As Escolas de Ensino Galego son un espazo cunha pedagoxía transformadora, activa e
inserida no medio natural, social e cultural propio do ámbito rural lucense.”
A educación experimentando e interactuando co medio natural que sempre nos
acompañou, a lingua propia que nel xurdiu, a igualdade de xénero total, a liberdade
responsable, o respecto a outras culturas coas que cohabitamos, o contexto e realidade da
veciñanza, o amor e dignificación do que somos... entre outros, como se dixo, son sinais de
identidade de SEMENTE LUGO Escola de Ensino Galego.
A sociedade actual parece levarnos camiño do que non somos; pretende igualar, borrar o
diferente, a adhesión incondicional; que queiramos ser o que non somos, así teremos máis
prestixio e seremos singulares, únicos, senlleiros; a gran contradición que nos engana. Mais,
a diferenza cultural entraña riqueza, a uniformidade desaparición e frustración. Seremos
outra cousa, non nós. Nesta sociedade na que a educación non fomenta a crítica e o criterio
persoal, onde intereses individuais e capitalistas nos anegan, centros educativos coma este
son luz e vida.
Grazas polo voso labor. Grazas por nos honrardes coa vosa presenza, nesta terra viva e
aberta, no noso niño montesío e de valgadas, de auga e herbas, de árbores e animais que
nos alentan, e de lingua e fala que nos identifica e comunica. Esa lingua que coma zume
mana da terra e sobe corpo arriba e éncheo do espazo propio no que as nenas e nenos
veñen á vida, medran e se crían. Elas e eles son a semente na que agroma o que nos agarda,
de seguirmos sendo nós, con respecto e amor, Galiza. Grazas polo voso labor.
Entrega o premio a nai de Gabriel, María… Toural….











BRINCAS, CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL !!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario