XV FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR
DE PALAS DE REI
TEATRO NO CAMIÑO DE SANTIAGO
TEATRO COMO FERRAMENTA DE
APRENDIZAXE, DE INTERCAMBIO E DE SOLIDARIEDADE
Presentouse
esta mañá ás 11:00 horas no Salón de plenos do Concello de Palas de Rei o XV
FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI que se celebrará o sábado, 25 de marzo, na aldea de San
Xiao do Camiño e na Casa de Cultura de Palas de Rei.
Este evento está organizado polo CONCELLO DE
PALAS DE REI, o OBRADOIRO MUNICIPAL
DE TEATRO DE PALAS DE REI, a ASOCIACIÓN CULTURAL PALACIO DO REI, a CORAL
POLIFÓNICA DE PALAS DE REI, METÁTESE TEATRO e ALENTÍA TEATRO
Na presentación participaron o Alcalde
desta vila, Pablo Taboada Camoira; os representantes da Coral Polifónica de
Palas de Rei, Toño Expósito González, Eliseo González Garrido e representantes
de Metátese Teatro e Alentía Teatro Xema Buján Mosteiro, María José Mourenza e
Afonso García Penas.
Participarán nesta xornada cultural máis de
cen actores e actrices de catro Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos
de Galicia (Palas de Rei, Compostela, Touro e Teo). O programa deste Festival é
o seguinte:
Haberá
un roteiro teatral, musical e poético ás
16:00 horas na aldea de San Xiao do Camiño, que estará
protagonizado por alumnado do OBRADOIRO MUNICIPAL DE TEATRO e polas Asociacións
Culturais PALACIO DO REI e a A CORAL POLIFÓNICA DE PALAS DE REI. Este
roteiro consta de SETE escenas que permiten imaxinar a vida que existía nas
aldeas galegas a mediados do século XX e permite coñecer o funcionamento destas
Asociacións a través da interpretación de varias pezas musicais.
Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes
xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes
idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta
en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon. O
punto de partida será a igrexa de San Xiao do Camiño e transcorrerá ao longo do
camiño francés de Santiago.
Ás 18:30 horas, na Casa de Cultura de Palas,
O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas
de Rei, A Aula de Teatro do IES de Cacheiras de Teo, A Aula de Teatro do
CPI Fonte Díaz de Touro e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán
en escena o espectáculo AS MALETAS
DOS CONTOS VIAXEIROS.
As maletas dos contos
viaxeiros
presenta, desde unha perspectiva dinámica, cómica e pedagóxica, diversas
historias que invitan á reflexión sobre valores como a IGUALDADE, a cultura da
paz, o respecto ao medioambiente, a solidariedade, a integración… Trátase dun
espectáculo que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser
humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a humildade, o
respecto…
Este traballo amosa,
tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de seres humanos
libres e pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren. Sobre
o escenario uns personaxes disparatados protagonizarán historias que foron
relatadas polas nosas avoas e que propiciarán que o público transite por unha
fervenza de emocións. Arriba o pano!!!
Este
Festival permite que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúe e propicia
que amose conxuntamente o traballo realizado por alumnado, profesorado e
Asociacións destes concellos durante o curso académico 2022/23; ademais de
integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e
traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra
teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 2 de marzo no
Teatro Principal de Ourense, continuou en Touro o sábado 4 de marzo e seguirá
en Compostela, Cacheiras, Alcalá de Henares, Argamasilla de Alba, San
Clemente, Tabernas (Almería) e Granada.
BRINCAS, CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL !!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario