V PREMIO GARABATO: GRUPO NATURALISTA HÁBITAT

 

V PREMIO GABRIEL BARREIRO TOURAL, “GARABATO”


ALENTÍA e METÁTESE TEATRO e A ORDE DAS DONAS E
CABALEIROS DO PRIORATO DE VILAR DE DONAS “OS LOBOS” estableceron
o premio GARABATO á conservación do noso patrimonio, herdado da terra e dos
nosos devanceiros e determinaron concedelo a aquelas persoas e organizacións ou
asociacións que estimen teñen a suficiente luz para manter e coidar, para mimar,
gardar e defender o devandito patrimonio, tanto natural como cultural, na honra
e lembranza de Gabriel Barreiro Toural, el foi técnico de luz e son de Metátese
Teatro; e dotalo con 1000 euros e unha peza de arte elaborada pola artista
ourensá María Iglesias Gil.
Foi decisión unánime do xurado conceder este V PREMIO GABRIEL
BARREIRO TOURAL, “GARABATO”, ao GRUPO NATURALISTA HÁBITAT.

Entre os argumentos empregados polo XURADO destacan:
1.- O traballo decidido a prol do estudo e a conservación dos espazos naturais e
da biodiversidade de Galicia.
2.- A contribución do grupo na protección de numerosos espazos naturais.
3.- Levar a cabo traballos de alto valor pedagóxico coma:
Organización de censos, mostraxes, inventarios e informes científicos.
Organización de xornadas formativas, excursións, charlas, conferencias e
cursos.
Edición de publicacións de carácter científico e divulgativo tanto impresas
como en formato dixital.
Presentación de alegacións a proxectos e elaboración de denuncias por
delitos contra o medio natural.
Participación en movementos sociais que teñen como unha das súas
finalidades a protección e a conservación do medio natural.
Colaboración activa con outras entidades ambientalistas.
Ao Grupo Naturalista HÁBITAT impórtalle a vida que silenciosa flúe ao
noso arredor, ou xusto no val que temos aí a ese outro lado, á beira, ou no monte
que nos protexe e o río e lagoa que ofrecen e entregan a natureza que neles
espreguiza e se estarrica; esa natureza da que somos parte e non sempre
respectamos, que cómpre deterse e reparar nela e entrarmos calados, sen estorbar, contribuíndo á súa plenitude e conservación, porque tamén é plenitude e
conservación humana, gozo e deleite, satisfacción. O respecto e a relación coa
natureza, vexetal e animal, a interacción, supón unha dignificación humana e tamén
calidade de vida superior.
Galiza posúe un patrimonio natural que, como en calquera outro lugar, non é
proveito arrasar nin destruír. Nesta sociedade tan inmediata e onde pretenden
darnos todo feito sen criterio persoal, onde intereses individuais e capitalistas se
apegan coma unha lapa, precísanse asociacións e grupos de acción coma este,
HÁBITAT, que lembren a raíz humana na terra, o carácter social, a harmonía coa
natureza, o que somos e a fondura dos pasos que imos dando, a pegada que ao
camiñar nos vai sinalando. Sentirse parte construtiva da natureza é outro estado,
outra existencia, o mellor xeito de convivir.
Grazas polo voso labor. Grazas por nos honrardes coa vosa presenza, na
terra viva e aberta, no noso niño montesío e de valgadas, de auga e herbas, de
árbores e animais que nos alentan.

Entrega o premio a nai de Gabriel, María… Toural….







































BRINCAS, CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL !!!










No hay comentarios:

Publicar un comentario