IV PREMIO GABRIEL BARREIRO TOURAL, “GARABATO”
Foi decisión e vontade de ALENTÍA e METÁTESE TEATRO e d´A ORDE DAS DONAS E CABALEIROS DO PRIORATO DE VILAR DE DONAS establecer o premio GARABATO á conservación do patrimonio noso, herdado da terra, dos pais e dos devanceiros e concedelo a aquelas persoas e organizacións ou asociacións que estimen teñen a suficiente luz para manter e coidar, para mimar, gardar e defender o devandito patrimonio, tanto natural como cultural, na honra e lembranza de Gabriel Barreiro Toural, el foi técnico de luz e son de Metátese Teatro; e dotalo con 1000 euros e unha peza de arte elaborada pola artista ourensá María Iglesias Gil.
Foi decisión unánime do xurado conceder este IV PREMIO GABRIEL BARREIRO TOURAL, “GARABATO”, á ASOCIACIÓN GALEGA DE XOGO POPULAR E TRADICIONAL.
Esta Asociación principalmente destaca:
1. A promoción, o desenvolvemento e a práctica dos xogos e deportes tradicionais e populares galegos.
2. A axuda á posta en marcha doutras asociacións ou entidades con finalidades semellantes ás da AGXPT.
3. A recuperación de espazos e tempos do patrimonio lúdico galego.
4. A organización de encontros, conferencias, congresos, investigación... que contribúen á difusión do patrimonio lúdico galego.
Na Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional importa a vida e a necesidade de desenvolvemento de nenos e nenas, a imaxinación, a inventiva e a memoria, a interiorización de valores e normas, a lingua, a cultura do noso pobo, a ledicia e a ilusión da fantasía, o primeiro teatro da persoa que se forma, a relación e natureza, a necesidade de manifestarse ludicamente dende que os ollos enxergan o sorriso humano. Pero tamén importa que os maiores sigan no mundo con humor, se deleiten co mundo e interaccionen e transmitan o seu legado e unha calidade de vida superior. Velaí, o xogo é vida.
Galiza posúe un patrimonio cultural lúdico que, como en calquera outro lugar, non é proveito deixalo esmorecer. Nesta sociedade tan inmediata e onde pretenden darnos todo feito sen criterio persoal, onde o individualismo se apega coma lapa á tecnoloxía e a necesidade a fan xurdir do creado alleo, precísanse asociacións coma esta que lembren a raíz humana, o carácter social e a harmonía, o que somos e a fondura dos pasos que o xogo nos dá.
Grazas polo voso labor. Grazas por nos honrardes coa vosa presenza, na terra viva e aberta, no noso niño Galiza, e hoxe aquí.
Entrega o premio a nai de Gabriel, María… Toural….
No hay comentarios:
Publicar un comentario