XII FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI



Hoxe, martes 2 de abril, presentouse ás 13:30 horas no Salón de plenos do Concello de Palas de Rei o XII FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE PALAS DE REI que se celebrará o sábado 6 de abril no Salón de actos da Casa de Cultura de Palas de Rei e no Castelo de Pambre. Este evento está organizado polo Obradoiro Municipal de Teatro en colaboración co Concello de Palas, a Asociación Cultural A Fonte de Merlán, o Grupo de música e baile tradicional Palacio do Rei, a Coral Polifónica de Palas, Alentía Teatro e Metátese Teatro. Na presentación interviron o Alcalde desta vila, Pablo Taboada Camoira, un representante de Metátese, Andrés Vázquez e a presidenta de Alentía Teatro, Gema Buján Mosteiro.
Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Laxe, Compostela, Palas de Rei, Touro e A Estrada).  
O programa deste Festival é o seguinte:
         Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 11:00 horas dentro do Castelo de Pambre que estará protagonizado pola Coral Polifónica de Palas de Rei, as Asociacións culturais A fonte de Merlán e Palacio do Rei, polo alumnado do Obradoiro Municipal de Teatro e por actores e actrices de Alentía Teatro e Metátese Teatro.
 Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogo e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, o achegamento do alumnado ao mundo rural e á cultura tradicional e a posta en valor do patrimonio cultural que posúe o Concello de Palas

         Ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Palas de Rei, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Escola Municipal de Teatro de Palas, A Aula de Teatro do CPI de Touro, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, “Avelaíñas Teatro” e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo VOGANDO NOS CONTOS.

Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta  imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade, o respecto… Este traballo de máis douscentos actores e actrices amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser humano; reivindica o valor do desenvolvemento de proxectos educativo colectivos…

         Vogando nos contos supón, ademais, unha viaxe ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da creatividade que ilumina un camiño de marabillas que nos permite poñer ás e voar. Actrices e actores sobre un escenario onde habita unha utopía que, paseniñamente, se transforma en realidade, grazas ao traballo cooperativo de todo o grupo e que alimenta as raíces e os anceios de compartir a certeza de que a liberdade só é posible cando nos atrevemos a soñar un mundo máis xusto e libre. Máis feliz. Máis humano. Trátase, pois, dun espectáculo que pretende alentar o desfrute dos sentidos convertíndoos en ferramenta subversiva que contribúa a cambiar o mundo. Voa, se queres. Constrúe o teu paraíso. Nós imaxinamos o noso. Un mundo que baila, que soña, que vibra… todo PARA TI! Arriba o pano!
        
         Este Festival permite que o alumnado das cinco aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2018/19 nas cinco localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral . Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 8 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, continou en Touro, o 31 de marzo, e seguirá en Compostela, A Estrada, Laxe, Bologna, Florencia e Pisa.



















































BRINCAS, CAMIÑAS E SORRÍS DENTRO DE NÓS GABRIEL !!!



No hay comentarios:

Publicar un comentario